Lendas, tradicións e narracións populares do Concello de Arzúa
As tradicións, as lendas, a toponimia, os usos sociais, os rituais… forman parte dos bens do patrimonio cultural inmaterial de todas e todos os galegos e galegas. Son unha riqueza cultural que hai que recuperar, protexer e divulgar. Como moi ben sintetizaba o lema da revista Nós editada por Ánxel Casal nos anos vinte e trinta do século XX; “Os pobos somentes son grandes pola cultura” e, efectivamente, o nivel cultural dun país vai en consonancia coa súa grandeza ou pobreza social, política e económica.
A Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa en colaboración coa veciñanza presenta o proxecto; Lendas, tradicións e narracións populares do Concello de Arzúa. Trátase dun proxecto aberto á cidadanía arzuá que ten por obxectivo a recuperación de todas as lendas, tradicións, rituais e mitos transmitidos oralmente dende hai séculos, asemade, pretende recoller as vivencias de personaxes sobranceiras da comarca. Entre todas e todos procuraremos que esas lendas e tradicións que foron pasando de voz en voz, de lugar en lugar, nas nosas casas, nos muíños e nas romarías.. sexan subidas á web da asociación www.anxelcasal.com e recollidas nun volume impreso, para recuperar para sempre esa riqueza cultural que os nosos devanceiros agarimosamente foron quen de transmitir aos seus fillos e netos.
Cómo facernos chegar a información sobre a lenda?
Os textos ou gravacións serán enviados ao correo electrónico asociacionanxelcasal@gmail.com indicando no Asunto do correo Lenda da …… ao principio do texto porase o nome e apelidos, domicilio da persoa que fai a achega do texto,lugar e parroquia onde se recolle a lenda e un teléfono de contacto.
Pode ser anónima a achega?
A persoa que fai a achega non ten porque poñer o seu nome, máis é importante comentar sobre qué lugar se trata para confirmar e se es posible incrementar a información.
Segundo conta a lenda, estas augas teñen ese característico sabor e cheiro a xofre porque unha moura, que se afanaba en apropiarse da trabe de ouro que se atopaba baixo a roda do Castro do Covelo, foi castigada e convertida en estatua dese material e soterrada para sempre nas medorras veciñas ao castro. De aí proveñen as augas da fonte. Da moura convertida en xofre collen o seu cheiro característico.
Di a tradición que as súas augas curan a depresión, as queimaduras, a inapetencia, a dor de estómago…
Ata hai uns anos o río Carracedo deixaba ver outras fontes -algúns veciños falan de ata sete fontes- que manaban na súas beiras, segundo a veciñanza, cada unha delas tiña a súa función; unha de augas férreas que polo seu aporte de ferro na lactación e o seu poder tonificante na pel era onde bebían e se bañaban as mulleres, outra curaba as doenzas de oídos, outra o mal de ollo … Hoxe en día, todos eses poderes están concentrados nunha única greta que mana ao río as augas sulfurosas.
Seica ata pode facer desaparecer penas e tristezas sufridas na vida. Certo é, que en aplicación local, como todas as sulfurosas, están indicadas para a pel e as úlceras crónicas.
Para curar os catarros hai que bebela auga en xaxún durante nove días na lúa de agosto. Tal era a sona das propiedades medicinais da fonte que ata mediados do século XX un emprendedor ofrecía -a un prezo accesible- o leite da súa burra para mesturar ca auga da Fonte Santa. Aseguraban que a mestura era moito máis eficiente.
Sabemos da existencia dos poderes curativos da fonte dende, polo menos, o ano 1025, grazas a unha documentación medieval de doazón da Villa de Marogio (Maroxo) aos frades de Antealtares de Santiago de Compostela. Neses tempos era chamada Fonte Sacratam que daquela pertencía a Maroxo -hoxe a parroquia veciña de Lema- tamén sabemos que no lugar había un asentamento medieval, un casal ou lugar habitado polo servo Garedo. Debeu ser a partir deses anos cando se cristianizaron os ritos pagáns que se realizarían na fonte, pasando, co tempo, a atribuírselle os grandes milagres e os seus poderes curativos á Virxe do Rosario.
As lendas sobre a Fonte Santa van virándose pouco a pouco cara un carácter cristián:
Nunha ocasión cando alguén pretendeu facer negocio cobrando pola súa auga a fonte secou. Din que o mesmo pasa cando se blasfema ante a fonte ou se comete algunha irreverencia diante dela. Hai quen asegura que noutra ocasión os ladróns intentaron roubar na capela e a fonte respondeu secando.
Dise tamén que antano, os peregrinos que tiñan os pes feridos de tanto andar, acercábanse á Fonte Santa e co poder cicatrizante das augas, en poucos días, curaban. Eran os peregrinos do Camiño de Santiago que dende Arzúa pasaba por Brandeso, O Viso, Ponte Ulla…
Hai anos, o segundo domingo de outubro, celebrábase no lugar a romaría do Rosario. Hoxe en día celébrase unha misa e despois da celebración eclesiástica recóllese a auga para beber e lavarse con ela.
Información recollida e corroborada na Casa de Pereira, O Bustelo (Brandeso) e por Xosé Conde (Muiñeiro da Fonte Santa)
Unha nena de familia moi humilde levaba, de cando en vez, unha vaca a pacer ao Castro Curbín e, no medio da ruta, tiñan por costume parar na Fonte da Quenlla a beber.
Un día aparecéuselle na fonte unha fada, toda vestida de branco, que lle pediu que a deixase peitear cun peite de ouro. A rapaza, agradecida, convidouna a merendar un anaco de pan. A fada correspondeulle cunha moeda de ouro, avisándoa de que non llo contase a ninguén.
De volta na casa a nena doulle a moeda á nai dicíndolle que atoparaa no camiño e, á pregunta de quen a peiteara tan ben, contestou que ela mesma.
Mais o suceso repetiuse varias veces polo que a nai interrogou á nena ata que esta lle falou da fada da Fonte da Quenlla.
A nai ansiosa de máis moedas de ouro ordenou á nena ir tódolos días á fonte con dous anacos de pan para traer todo o ouro que puidese.
A inocente pequecha obedeceu e marchou ca vaca cara a fonte. Mais, á noitiña, a vaca volveu soa.
Da nena nunca máis se soubo.
Información recollida na web do Concello de Arzúahttp://www.turismo.concellodearzua.com/lenda-da-quenlla.html
Un fidalgo que moraba preto da
fonte tiña unha filla moi belida, á que requirían en amores
tódolos mozos da bisbarra. O fidalgo non consentía a ninguén
tratar o casoiro coa filla e para arredala do perigo foina encantar á
Fonte Pormás.
Un serán estaba un mozo nunha rozada e ollou chegar o fidalgo coa
filla e os criados con sacos ó lombo; marcharon os criados, despois
de pousar a trouxa e un adival que ía envolto nun saco, quedando sos
pai e filla. A moza choraba a fío agarrada ós brazos do seu pai,
pregándolle de xeonllos que non a deixase alí; pero o pai non fixo
caso; soamente lle dixo:
– Non teñas pena; quédache con que valerte.
O fidalgo sacou un libro e comezou a ler; ó pouco tempo a moza
meteuse polo cano da fonte e seguidamente os sacos que levaran os
criados seguiron o vieiro que levara a moza; quedou fóra o adival, e
o fidalgo continuou lendo moito tempo deica que o adival
transformouse nunha gran serpe longa e grosa que foi meténdose polo
cano da fonte. Cando ía desaparecendo o home cerrou o libro e
díxolle:
– El que te desencantare nove veces, detrás del cachazo te ha de
besare.
O mozo deixou a rozada e foi á casa, pero ó pouco tempo tornou á
fonte Pormás para desencantar a fermosa rapaza que el ollara agachar
entre as augas. A poucos pasos da fonte apareceulle unha muller que
lle dixo con certa tristura.
– Se non tes valor, non me desencantes.
O mozo, sen arrepiarse, chegou á beira da fonte e sentouse nunha
pedra, e oíndo un grande bruído nas augas viu saír unha enorme
serpe polo cano da fonte. O mozo deulle tres beixos por tras do
cachazo e a serpe tornou para a fonte. Tornou a saír a cóbrega,
agora que con menos bruído e poñéndose dereita diante do mozo
levou outros tres beixos e enguliuse na auga. Á terceira vez saíu
case mansiña de todo e ó darlle os beixos caeu no chan feita un
adival. Naquel intre comezou un ruxir enorme de cartos e apareceu a
moza cos sacos cheos de ouro que seu pai lle levara e que ficaban
gardados pola serpe.
A moza non quixo volver á casa de seu pai e foi casar á igrexa da
parroquia co mozo que a desencantara..
Lenda recollida por Antón Fraguas e publicada en 1931 na Revista Nós por Ánxel Casal
Soubo unha muller en Castela da facilidade que había na fonte Pormás para encantar as donas e ansiosa de afastar as fillas da súa banda, veu traelas aquí deixándoas encantadas no mesmo xeito que a filla do fidalgo, soamente que a estas ninguén as ollara encantar.
Ficaron soterradas moitos anos sen aparecer a
ninguén, ata a vellez da súa nai. A velliña ollando preto a hora
da morte atopándose soa clamaba polas fillas.
Un ano foi un mozo de Arzúa ás segas de Castela e falou da auga
fresca de Pormás, onde tantas veces bebera cando facía as rozadas
nas chousas de toxos e silvas. A muller que oíu falar semellante
cousa chamou ao segador e dándolle tres bolos de pan, pediulle que
con moito segredo os fose poñer a fonte sen que por ninguén fosen
ollados, dicíndolle cando os pousase:
Oureíña, oureana
toma este boliño
que che manda a túa ama
Poñendo os tres bolos, gañaría un grande tesouro que gardaban os encantos.
O mozo chegou da sega e fechou os bolos nunha arca do pan, pero a muller ollou un pola fechadura. De mañanciña foi o segador á fonte e pousou os pans dicindo as verbas que foran encargadas. Co primeiro saíu unha moza que fuxiu correndo, do segundo saíu outra moza do mesmo xeito que a primeira e do terceiro remexíanse dentro moitas cousas e oíuse unha voz de muller dicindo:
-Temos que ser felices, pero por culpa da túa muller dobrouse o meu encanto. Leva este xustillo e ponllo á túa dona.
O mozo agarrou a peza de roupa que lle dera o encanto e marchou camiño da casa. Antes de chegar ao lugar, parou nun souto e pendurou das polas dun castiñeiro o xustillo; no intre comezou unha lumarada na árbore que abrasou todo, quedando soamente o carozo que aínda hoxe fica no sitio.
A moza encantada ficou alí mesmo moito tempo sen saír do acougo deica un serán de treboada en que houbo moitos tronos saíu a moza en figura de fusil, coma unha serpe, ollándoa moitos do lugar sobre as augas.

Na Lenda da Fervenza de Santa Marta (tamén chamada das Hortas), o carácter máxico do carballo impregna a lenda:
Unha muller que quedara preñada polo seu mozo unha noite de muiñada, foi invitada polo noivo a dar un paseo pola Fervenza das Hortas, no alto do salto, nun acto de criminalidade, empurrou á súa moza á fervenza.
A moza na caída encomendouse a Santa Marta e a póla dun carballo salvouna milagrosamente enganchándoa polo vestido.
Contan que na fonte do Casalete había unha pita cos seus pitiños de ouro que saían cada día na hora da sesta polo cano da fonte.
Un día, unha nena que vivía cerca da fonte, viu á galiña e os pitiños de ouro peteirando arredor da fonte e de repente a pita lle falou;
A xente vella é moi usureira, e por iso, só saio cando están durmindo. Non lle digas a ninguén que me viches. Se me visen encerraríanme para enriquecerse. Se gardas o segredo levarás unha boa recompensa.
Dende aquela a nena ía tódolos días a levarlle unhas faragulliñas de pan.
Pasou así moito tempo ata que un día, a pita arrincou unha pluma de ouro e entregoulla á nena dicíndolle;
Toma esta pluma de ouro en pago de gardar o noso segredo e polas miguiñas de pan que nos traes. Que ninguén cha vexa porque quererían saber de onde a sacaches.
A nena escondeu a pluma na casa pero un día a súa nai atopoulla, tanto lle insistiu a nai que ao final contoulle a verdade.
A nai prometeulle gardalo segredo á nena, pero un día que a rapaza estaba ausente, a nai foi á fonte na procura da pita e os pitiños. A vella esperou escondida ata que viu saír a galiña e os pitiños de ouro, sen pensalo intentou pillalos pero rapidamente volveron a meterse polo ollo da fonte.
Cando regresou á casa, matinando cómo pillala galiña e os seus pitiños, atopou á nena chorando na eira, a pluma de ouro convertérase nunha pluma calquera.
Dende aquela non se volveu a ver á galiña e os seus pitiños, mais contan que o día de San Xoan antes de saír o sol a galiña bota unha pebida de ouro polo cano da fonte para proba da súa existencia.
Na mañá do San Xoán é costume lavarse coas augas das herbas de San Xoán na fonte.
Información recollida na web do Concello de Arzúahttp://www.turismo.concellodearzua.com/lenda-da-pita-de-ouro.html
A Mámoa do San Migueliño de Maroxo, como se reflexa en documentos da Idade Media, fixo de marco ou linde entre as parroquias de Vilantime e Maroxo. Foi un monumento moi coñecido e respectado pola veciñanza dende tempos inmemorias.
Din que embaixo da Mámoa do San Migueliño hai unha cova onde os mouros deixaron unha trabe de alcatrán e outra de ouro. Seica hai que ter moito tino porque se se xuntan prodúcese unha explosión enorme.
No concello de Arzúa había moitas mámoas, moitas máis das que están catalogadas oficialmente, a grande maioría delas foron destruídas a principios do século vinte durante a Ditadura de Primo de Rivera, cando se fixeron as reparticións do monte comunal. Os capataces chegaban a pagar unha peseta máis de xornal por esnaquizar e rastrear as posibles riquezas das mámoas.
Información recollida na Casa de Bascoy no San Migueliño e de Inacio García Couso
Outra familia de galiña e pitiños de ouro seica vive na Cova de Tremedal (Maroxo). No abrente do día de San Xoán a pita e os seus pitiños de ouro saen da cova para bailar o Sol. Quen non se deite a noite de San Xoán ou madrugue esa mañanciña é posible que teña a sorte de ver á familia das plumas de ouro bailar o Sol.
No concello de Arzúa seguindo o leito do río Iso hai catalogadas oficialmente catorce minas romanas, a maior parte delas atópanse nas parroquias de Viladavil, Maroxo, Dombodán e Viñós. A Cova de Tremedal -desgraciadamente oculta por toneladas de lixo do antigo vertedoiro municipal- foi unha delas. Hai anos os arqueólogos constataron a aparición duns restos dun asentamento medieval, seguramente un casal (casa e pendellos dun servo) pertencente á Villa de Marogio actual Maroxo.
Información recollida de María Vázquez, filla do último caseiro do Pazo de Maroxo e no blog http://anosahistoria.blogspot.com/
É sabido pola veciñanza que a mina do Pozo Negro -ao pe do río Iso, en Seixas de Abaixo, enfronte do Fabal de Viñós- estaba encantada polos mouros, logo de baixar polo pozo, que se interna profundamente na mina, pódese chegar a observar unha enorme grade de ouro. Lamentablemente todos os que a sacaron fóra convertíaselle nun sinxelo madeiro.
Disque se es unha persoa con sorte, e te acercas á cova de noite, poderás escoitar como os mouros tocan unhas campaniñas moi melodiosas dentro do xacemento.
Esta mina non está catalogada no PXOUM do Concello de Arzúa pero curiosamente é a máis lendaria da parroquia de Maroxo. O seu acceso non é sinxelo e disque hai que baixar primeiro polo pozo (hoxe anegado de auga) e logo seguir pola galería da cova ata dar coa grade de ouro.
Información recollida na Casa de José Conde, Muiñeiro da Fonte Santa en Viñós, corroborada por David Mato do Ventorrillo.
En Maroxo a principios do século XX había un cura, Don José Vellón Torrón– que seica preparaba un bebedizo con po de ouro, recollido no Pozo Negro, na Cova do Tremedal ou na da Ponte das Taboas, para curar todo tipo de enfermidades, sobre todo, as dores estomacais. Esta práctica non era nada desatinada para a época, no século XIX, tivo moita aceptación o po de estaño (o mineral extraído destas minas romanas era o estaño) para curar afeccións estomacais, en concreto usábase para liquidar as lombrigas nos nenos, é moi posible que o cura José Vellón tivese coñecemento disto. Deste peculiar párroco tamén se di que usaba o po extraído das campás da igrexa para evitar que as mulleres que non querían quedaren embarazadas.
Información recollida na Casa do Xordo de Maroxo
O Plan Xeral de Ordenación Urbanística do Concello de Arzúa ten catalogadas 14 minas romanas, todas elas na conca do río Iso. Estes xacementos forman parte dunha explotación planificada de estaño polas lexións romanas que conquistaron estas terras no século I a.C., nunha rexión que abarcaba tamén as minas da Comarca do Deza (Losón, Zobra, Vilatuxe, Cercio, A Cova de Xila en Sello do Concello de Lalín e, moi posiblemente, as minas de estaño-volframio de Fontao (Vila de Cruces)).
As lendas e a información sobre as minas romanas que recollemos da veciñanza das Covas e Ventorrillo (Kovas de Geria nun documento medieval de doazón de 1025) en Ventorrillo (Viñós), Remesil (Dombodán) e na Cal e Fonte da Vila de Maroxo falan ás claras da importancia que ata hai moi pouco tiñan as covas ou minas da zona:
Na Cova de Remesil, nos primeiros anos do s. XX, os veciños facían catas “afeccionadas” para intentar extraer o bronce e ouro que os seus antepasados dicían que contiñan.
Ramón García Mouriño, veciño da Torre de Dombodán, recorda unha pedra de cor gris escuro que trouxera o seu tío que traballaba na cova de Remesil para afiar os fouciños, dicía que era moi fina. Poida que nesta cova houbese volframio, mineral asociado ao estaño.
A Cova de Remesil foi explotada nos anos 40 por un home que tiña as súas ordes unha cuadrilla de seis ou sete homes. Este home foi detido pola garda civil por explotación ilegal de minas. A cova nunca máis foi explotada.
Anos máis tarde deuse o caso do asasinato dun home coñecido como o Perito preto da taberna de Santa Leocadia de Branzá, o asasino, un veciño de Remesil, quería vingar a morte do seu can e pegoulle un tiro de escopeta ao tal Perito.
Ramón García comenta que a Cova de Remesil ten varias entradas e varios ramais e que, cando a garda civil soubo que a nai do malfeitor leváballe comida á cova, intentaron obrigalo a saír do xacemento, mais, a escuridade, as pozas de auga e a amplitude da mina xogaban a favor do escapado cando por fin entraron este se pegara un tiro coa escopeta de caza. Un veciño que traballara na mina foi o que entrou na cova e colocou uns adivais para que o xuíz e gardas non se perderan pola galerías e atoparan o cadáver.
A mina de Covas e Ventorrillo tiña varias bocas de entrada. Por zonas ten galerías onde se pode poñer de pe unha persoa o que da idea da importancia da veta que debeu ter o xacemento. Na época da guerra civil, seica foi acubillo de fuxidos ou guerrilleiros do bando republicano. E efectivamente, o famoso guerrilleiro antifranquista Foucellas ao mando da V Agrupación Guerrilleira de Galicia tiña unha serie de casas de veciños que lle daban cobertura e acubillo na comarca; Andabao, Arceu, Boazo en Boimorto e no Orxal, Pastoriza A Vella, Brandeso e Dombodán en Arzúa. As covas quedan preto da ruta que seguía a partida de Foucellas, unha ruta planificada polo exconcelleiro e presidente da Agrupación Socialista de Arzúa, Alfredo Vallo. A mina de Covas e Ventorrillo, pola súa amplitude e pola súa disposición con varias bocas de entrada son un lugar perfecto onde repousar e agacharse durante o día para, coa noite, renovar os desprazamentos nocturnos. Cara finais do ano 1948 a partida desprázase á provincia de Pontevedra, á comarca do Deza.
Información recollida do blog A Nosa Historia
No lugar de Lema, no Concello de Arzúa, na casa chamada “Dos Barros”, os mozos e mozas mallaban as espigas de centeo e trigo, para obtelo gran de pan. O po que levantaba a operación picáballes no corpo enteiro polo que ó rematala xornada ían todos ó encoro do muíño chamado O Penedo para se lavar e quitalos “demos da palla”. Bañábanse completamente espidos, danzando e bromeando cos últimos raios do lusco fusco. Despois daquel mergullo colectivo, facían “a regueifa”, merenda de empanada, queixo, chourizo e xamón, acompañado de bo ribeiro e chospiriños de augardente con café.
Volvían, xa de noite, ós seus lares cantando aturuxos. Era realmente unha magnífica festa na tarde de verán.
Información recollida de Martínez de la Riva Labartaen Bruxas, meigas e meigallos en Galicia. AGCE, Vigo, 1993. Páx. 58
A familiaridade cos defuntos na nosa cultura é permanente a través dos séculos. Os contactos cos defuntiños, ata hai ben pouco, eran normais.
Conta De la Riva Labarca, no relato O Trasacordo, que na eira de Barros-Lema ( Labarda di en Viladavil (Arzúa), máis ten que referirse ao Barros de Lema (Arzúa) que se atopa a carón de Magolán) as familias de Magulán e a de Quintela están en tratos para unha compravenda:
Reúnense na eira do Lagüeiro, que tiña por profesión peón camiñeiro, dúas persoas máis el. O comprador mailo vendedor acordan o trato e quedan ámbolos dous de acordo para reunirse ó domingo seguinte coas familias no lugar e hora establecida. Lese o escrito que presenta o Lagüeiro. É o trato de compravenda e as súas cláusulas. Coméntanse as mesmas e unha avoa di:
-O finado non o faría así.
Como O Finado non aceptaría esas condicións, tómase o trasacordo de volverse a reunir ó domingo seguinte, e así domingo tras domingo ata que o finado estea plenamente de acordo coas condicións establecidas no contrato.
Esta reunión tivo lugar na eira de Barros-Lema, entre as familias de Magulán e de Quintela, na que participaron os avós, pais, fillos, netos e sobriños en data 12 de agosto de 1929. No debuxo do autor, aparecen O Lagüeiro, a avoa, o vendedor e mailo comprador (de esquerda a dereita). En segundo termo; O Palleiro, a nai, os fillos e mailos netos.
Este
relato é unha pequena mostra do natural que era, ata onte, o
contacto co outro
mundo,
co Alén, sabíase que os defuntos ían a unha vida mellor e por iso
en moitos lugares facíanse auténticas festas rachadas, as
chamadas rogas.
Mais o vivo, sobre todo o cativo, debía coidarse da morte que che
podía levar con ela anticipadamente. Os camiños e as entradas do
máis alá están espalladas pola nosa terra; asencrucilladas,
as fontes,
os ríos e, sobre todo, o noso mar, son esas portas que nos levaban
ao paraíso dos mortos, ao Alén.
Información recollida de Martínez de la Riva Labartaen Bruxas, meigas e meigallos en Galicia. AGCE, Vigo, 1993. Pax. 60.
Na Arzúa o Entroido era, coma hoxe, un tempo de transgresións e ledicias. As mozas e mozos tisnábanse uns aos outros en continua falcatruada.
Nas parroquias do sur do concello, Viñós, Tronceda, Brandeso, Branzá, Dombodán, Maroxo… era normal recibir aos xenerais por estas parroquias. Eran veciños que se disfrazaban de xenerais e, a cabalo, pregoaban os pequenos defectos, teimas e excesos dalgúns veciños ou políticos.
O primeiro domingo de setembro celébrase a concorrida Romaría da
Nosa Señora do Viso, no monte do Viso, parroquia de Dombodán.
Xentes de todas as comarcas lindeiras acércanse ao santuario da Nosa
Señora do Viso, para pedir protección contra as pragas das
colleitas e a favor dun bo parto.
É costume pasar por debaixo
da Virxe para obtela graza divina, tamén, hai quen lle dá a volta
ás tellas da capela ata ter un feliz parto. Segundo o dicionario
Madoz, no lugar houbo un hospital de peregrinos e seica, na
carballeira, celebrábase unha feira de gando. Arias Bonet, nun
estudio sobre a VIA
XIX romana, identifica o lugar do
santuario coa mansión romana de Asseconia.
O monte do Viso (que significa ver, contemplar), reúne elementos
típicos para a identificación dun santuario pagán; a localización
nun terreo elevado, no medio dunha carballeira centenaria e unha
fonte. Ten ademais tres elementos cristianizadores para
contrarrestar algún vello culto pagán; capela, fonte con cruz
e cruceiro.
A Capela da Nosa Señora do Viso do século XVIII, pertenceu á Casa de Remesil de Dombodán, os señores deste pazo xacen en varios sepulcros que podemos ver no presbiterio deste pequeno templo e que pertencen a Fernán Gómez de Seixas, comisario do Santo Oficio da Inquisición, Fernando de Remesil e Novoa e a súa esposa, cabaleiros que fundaron o Pazo de Remesil no século XV.

A Ermida da Mota, na parroquia de San Estevo do Campo, data do século XIX. Presenta un pórtico cuberto, no lado esquerdo, apoiado sobre columnas de cachotaría. Ao final deste, atópanse as dependencias para recoller as ofrendas dos devotos (que habitualmente é gando). A ermida nace pola devoción dos peregrinos, que pasaban aquí a súa última noite, antes de chegar a Compostela. Está dedicada aos apóstolos.
Hai moitas tradicións relacionadas coa Ermida da Mota. O santo de maior devoción é San Bartolomé, o protector das colleitas e do gando. A xente collía terra, «area do santo», do contorno da capela, para levala ás fincas, ou daban voltas ao santuario co gando, buscando a súa protección. Moitas das veces, os devotos deixaban ovellas, ou outros animais como ofrenda. Tamén hai a tradición de «Poñer o santo», que consiste en pasar unha imaxe pequena do santo por encima da cabeza e dos ombreiros; ou a de «Cortar o lobiño», para curar o bocio, que trata de que o fiel enfermo pase por debaixo do coitelo que ten o santo, dicindo:»Que che dea a sanidá e che quite a enfermedá pola virtú do santiño, amen». Esta frase repítese cando se «poñen o santo».
As
festas da ermida son o 24 de agosto, o 21 de setembro e o 28 de
outubro, dedicados a San Bartolomé, San Mateo e San Simón
respectivamente.
Paseo
de Carballos Da Mota. O
paseo de carballos da Mota foi realizado nos anos cincuenta do século
XX. Un grupo de carballos alíñase ao longo da estrada, unindo os
lugares da Igrexa co da Mota. No seu inicio hai outro camiño que
leva ás Buratas (Boimorto).
Carballeira da Mota. Ao parecer, a carballeira da Mota xurdiu grazas á veciñanza. Así, dise que cando un pai non quería que o seu fillo fóra ao servizo militar, plantaba un carballo; se este prendía, significaba que non tería que ir.
Información recollida da web do Concello de Arzúa
Baiobre, que segundo o filólogo Miguel Costa, ten varios posibles significados e podería vir de Bagiobriga de bag-“loita” e briga, “castro, fortaleza” =“Castro da Loita” ou de Badiobriga de bad- “dourado” e “briga” “castro” =“Castro Dourado”, é un topónimo céltico que nos indica onde está un dos castros máis relevantes da parroquia de Branzá.
No Baiobre de Branzá, temos o Santuario da Santa Crus, está especializado na protección dos animais e das colleitas do campo. Tamén fanse peticións especiais polos defuntos. Coma en San Lázaro (Compostela) realízase a poxa de uñas de porco. Celébrase o 3 de maio.
A festa do Maio foi revestida no século VI dun contido cristián asimilando a árbore ao madeiro da Cruz. De aí que moitas veces os Maios leven cruces. Coma nas demais festas cristiáns na véspera da Santa Crus prodúcese o ataque do Mal, por iso pídese á Santa Crus de Baiobre, o 3 de maio, pola protección dos animais e das colleitas do campo.
A actual Igrexa de Santa María de Rendal, de planta basilical, data do século XX, pero foi construída sobre o templo do século XVIII. Á dereita da nave sitúase o retablo da Nosa Señora de Rendal, cuxo culto leva aos fieis a unha tradición pola que deben pasar por debaixo do seu altar, por algunha petición ou promesa realizada.
O Santuario e parroquia de Rendal é de moita sona nesta Galicia central, xa que a imaxe da Virxe é avogosa dos males e dores dos dentes, moas, do oído e doutras castes de doenzas varias. Por esa faceta sandadora goza dunha especial devoción entre os veciños da contorna, que acoden fielmente á festividade que se celebra o día 5 de outubro.
Entre os fregueses, romeiros e ofrecidos existe a crenza de que mitigarán, e mesmo veranse curados das dores das moas, tocando as campás tirando da corda cos dentes. Para as dores de oído o santo remedio consiste en untar os dedos en aceite e pasalos polos oídos.
Este santuario e as súas virtudes milagreiras mesmo chamaron a atención dos membros do Seminario de Estudos Galegos, posto que a el se refiren no Terra de Melide (1933), no capítulo Folklore de Melide, da autoría de Vicente Risco e Amador Rodríguez. Recollemos literalmente o paragrafo no que a este se refiren: “A Virxe do Rendal, na Arzúa, avogosa das doores de moas e mal de dentes. Ofércenselle pitos, que se venden despóis á puxa, e os doentes das moas, van tocar a campana da eirexa trabando a corda ou cadea cos dentes”.
Información recollida na web Galicia Encantada e na web do concello de Arzúa.
Personaxes sobranceiras
Florencio Montero foi un varredor do concello de Arzúa dos anos 60-80, era un persoeiro do máis sobresaínte do municipio, as súas ocorrencias eran celebradas en bares e tascas e recordadas ata hoxe.
Florencio era autodidacta e tiña unha intelixencia natural que o facía destacar onde se presentaba. Unha mañá, varrendo co seu compañeiro de traballo Pepe Carreira, recibiron a nova de que xa chegaran as nóminas ao cobro no Concello, como o soldo de varredor naqueles anos non daba para moito e, por riba, algúns meses custaba cobrar, díxolle ao seu compañeiro;
Como os ingresos de varredor eran cativos Florencio montara unha industria de peto para ir polas feiras. Tiña unhas voadoras (un balancín de dous barcos) e un pequeno tiro de balíns que lle daban uns ingresos extras na tempada do verán.
Mais, cando tocaba festividade de renome, vestía traxe marrón de listas beixes con chaqueta cruzada e botóns abrochados ata onde daba, collía a súa mobylette vella e queimaba gasolina na procura da festa. Nesas ocasións o seu porte era dun dandy dos anos 50, o seu bigote de época dáballe un aire de Gran Gasby ao xeito arzuá. A súa elegante figura resaltaba en calquera festa ou romaría onde tocara a banda de música. Tal era a súa querenza polas bandas de música que, por veces, asumiu el só a función do Corpus en Arzúa para a que nunca faltaba a súa banda preferida; a Banda de Música de Celanova.
Florencio tiña casa en Fonxe (Santa María de Arzúa) onde vivía coa súa muller e dous fillos. Nunha pequena leira tiña animais. Nunha ocasión, un porquiño que cebaba para o Entroido, comezou a deixar de comer e facer cousas raras. Chamou ao veterinario que lle comentou;
Florencio era amigo de contar contos nos bares, confrontar opinións sen reparo se era mester e dalgunha pillería que outra. Un día, na romaría do San Froilán en Rendal, estaba Florencio absorto escoitando a banda de música cando sentiu nas súas cachas un zorregada de moito pistón, deuse a volta e descubriu ao manco Rapela de Pedrosa, Vilantime cunha vara na man e cara de executar un castigo. Florencio chantou quedo e calado. A boa fe que fora merecente da condena.
Nos anos 80 houbo un intento por parte da Xunta de Galicia de levar o xulgado de Arzúa para Melide coa conseguinte perda do partido xudicial para Arzúa. Florencio encabezou as mobilizacións que se organizaron en Arzúa en contra de dita medida. Foi sonada a súa arenga á veciñanza de Arzúa na Praza do Obradoiro de Santiago.
Información aportada por Inacio Garcia Couso e Xosé Luís Carreira Carreira
Repela, de nome oficial Xosé Seoane Castro, era un veciño emprendedor e multioficios do lugar de Pedrosa da parroquia de Vilantime. Un día, para festexar o remate da malla e coa teima de facer unha bomba que esbourase e logo volvese a estoupar quedou sen man esquerda. A seu experimento foi recollido no Compostelano, un xornal da época, era o 6 de setembro de 1932 e só tiña 21 anos.
– “…sen a mau quedei, pero bomba coma ela nunca na parroquia se oíu…”Dicía de tal proeza.
Para saír do paso Rapela fíxolle unha funda de coiro con abrazaderas ao brazo onde amarraba os sachos, gadañas e demais ferramentas de traballo. Rapela non deixou nunca de traballar no seu pola eiva da man.
Pai de seis fillos, quedou viúvo moi novo, cando a súa filla maior aínda tiña doce anos. Como tiña poucas propiedades e moitos fillos, Repela afiou a súa maña e enxeño e volcouse en facer todo o que podía facer; bombas e tracas para as festas, amañaba zapatos, paraugas, aparellos varios.
Tiña Rapela unha das tres tabernas que había na Pedrosa, a súa era a de máis sona na contorna, nela vendía, cartuchos de caza, pizarrillos, cadernos, cordas, lapis, fariña, legume, viño…. de todas eses xéneros que unha taberna de aldea atesouraba. Ata daba comidas a quen o merecía.
Posuía Rapela tamén un carro para ir ás romarías e festas, levaba un par de pipos de viño, galletas e algunhas gasosas para regar e compoñer os corpos das romeiras e romeiros. Polos anos 50 o remate das romarías o impoñía o cura párroco tocando a campaniña e o executaba a parella da garda civil coa súa presenza. Eran os dos estamentos sociais moi mal aturados e recibidos na taberna de Rapela
Nunha ocasión o veciño Pérez da Igrexa pediulle prestada a sachadora para preparar as terras para as patacas.
Rapela aceptara o trato de moi boa gana, pois el non tiña propiedades a monte, nin exceso de material de combustión para o forno de leña. Rapela prestou a sachadora mais pasou ese ano e Pérez non o mandou por xestas. Ao ano seguinte volveuse a repetir a petición de Pérez, o préstamo de Rapela e o incumprimento do trato.
Ata que ao terceiro ano, cando o vello Pérez volveu pedir a sachadora, Rapela contestou;
Información aportada por Inacio García Couso
Este traballo de investigación foi elaborado pola Comisión de Patrimonio da Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa.