Ánxel Casal, 125 anos con nós

A Asociación Ánxel de Arzúa comeza unha nova andaina con renovadas forzas e persoas, e entre outras moitas iniciativas, pon no seu punto de mira conmemorar os 125 anos do nacemento de Ánxel Casal o vindeiro ano 2020.

Ánxel Casal Gosenxe era fillo de Manuel Casal Basteiro, xornaleiro e veciño do Volteiro, parroquia de Vilantime (Arzúa) e Filomena Gosenxe Arias, natural de Visantoña (Santiso), que marcharan buscar mellores expectativas económicas na Coruña, cidade onde naceu Ánxel Casal.

Pela foi, tamén, o lugar onde foi detido Ánxel Casal por un grupo de fascistas en agosto do 1936, tendo aquela acción o desencadéante do seu asasinato o 19 de agosto en Cacheiras cando só tiña 40 anos.

Ánxel Casal que dende ben novo tivo unha vida abraiante; emigrante en Bos Aires e Burdeos, sen estudos universitarios e autodidacta, foi o impulsor do libro galego de seu, foi editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno. Casal, traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial. Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carbalho Calero, Ramón e Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Maside, Seoane, entre outros moitos.

Sen o traballo de Ánxel Casal hoxe non falariamos da Xeración Nós.

Casal conseguiu animar e aglutinar a todos os artistas galegos da época nun proxecto común, a Editorial Nós, un proxecto con vocación europeísta, que puxo á cultura galega á par de calquera cultura mundial. E todo isto fíxose dende unha estética moderna e galega de vangarda. Os produtos saídos dos prelos de Casal serán dunha excelencia tipográfica estética considerábel e sen eles non se entendería a literatura galega moderna, para iso Casal é quen de conseguir a colaboración de artistas tan auténticos coma Seoane, Castelao, Maside e Camilo Díaz (pai de Isaac Díaz Pardo), creando ese estilo galego de edición que aínda hoxe nos fascina. Tivo, asemade, tempo na súa etapa na Coruña, de crear de dirixir as Escolas de Ensino Galego, onde se impartiría unha educación laica, galeguista e moderna.

Coa imprescindíbel colaboración da súa muller, María Miramontes Mato, -filla, coma Casal, de xornaleiros e militante tamén do Partido Galeguista, modista de élite, traballadora incansábel, confidente e conspiradora das ideas- Ánxel Casal creou a canle necesaria para dar luz a toda a creación artística en galego dos anos 20 e 30 do século XX.

Ánxel Casal, que foi tamén alcalde de Santiago de Compostela en febreiro de 1936, un mes máis tarde deputado provincial e logo vicepresidente da Deputación da Coruña, foi, ademais, vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia e presidente do seu Comité Executivo, participou, con outros 59 membros da Comisión Estatutaria, na entrega o 15 de xullo – pouco antes do golpe de estado franquista- ao Presidente do Congreso dos Deputados do Estatuto de Galicia de 1936, voltando o día 17, sabedor da gravidade dos feitos na viaxe de regreso, aceptou a responsabilidade de facerse cargo da alcaldía de Santiago de novo.

É innegábel que a condición da extracción social de Casal e a súa muller María Miramontes, apegada a unha sociedade eminentemente rural, galega e traballadora, foi a forza extra que acompañou a esta parella na procura da súa meta: unha Galiza moderna, culta e libre, unha Galiza que dende a base dunha cultura propia camiñase cara un autogoberno que levase a prosperidade ao pobo galego.

Casal foi un home comprometido co futuro de Galiza, que intentou aglutinar todas as sensibilidades amantes do país galego, que deu a súa vida por unha cultura propia que nos fixese grandes como pobo.

Como dixo Castelao; Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.


É por todo isto que a Asociación Ánxel Casal de Arzúa ante o próximo acontecemento, no ano 2020, dos 125 anos do seu nacemento, formulamos a proposición de Ánxel Casal para ser homenaxeado coas Letras Galegas do ano 2021.

Facemos, tamén, un convite a todos os colectivos e asociacións que no noso País promoven a cultura e a lingua galega, a sumarse apoiando esta iniciativa.