A Asociación Ánxel Casal para o desenvolvemento económico, social e cultural de Arzúa fundouse o 27 de xaneiro de 2001, no IES de Arzúa. A súa primeira Xunta Directiva elixida na Asemblea Constituínte estaba composta polo presidente, Celso Alberte Magariños Costas, vicepresidente Xurxo Rodríguez Rodríguez, secretaria Mónica Mouriño Cagide, tesoureira Pilar Castro Vallo e os vogais María Duro Santos, Manuel Rodríguez García e Manuel Castro Sanmartín.
A estrea pública da asociación foi o sábado 24 de febreiro de 2001 coa recuperación do Entroido na comarca de Arzúa. Logo de varios anos sen celebrarse o Entroido en Arzúa a Asociación Ánxel Casal creou un enxame de 25 abellas que zoaron e avivaron a nosa cultura tradicional. Dita acción tivo continuación o Martes de Entroido, 12 de febreiro de 2002, coa Noite da Santa Compaña. Dende aquela o Entroido non deixou de troulear un ano en Arzúa.
O 17 de abril de 2001 botou a andar a Aula de Teatro Infantil con 30 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos. Puxeron en escena seis obras de teatro que se estrearon en Arzúa, actuando en vilas e cidades coma Ribeira, Aranga, Teo, Vedra, Asados (Rianxo), Betanzos, Santiago… No 2005 foron invitados á Certame Europeo de Teatro Xove en Eslovenia. Estivo en activo ata o 2006 que foi asumida polo Concello de Arzúa.
O 19 de maio de 2001 celebrouse a Conferencia Ánxel Casal; unha vida adicada a Nós coa presenza do catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé María Dobarro e o Presidente da Fundación Castelao Avelino Pousa Antelo.
Do 2001 ata o 2003 organizouse un Curso de Aerobic ao que asistiron 25 persoas. De programación anual.
O 15 de setembro de 2001, as diferentes comisións da Asociación Ánxel Casal elaboraron e presentaron ao Grupo de Acción Local para o programa LEADER+ e no Concello de Arzúa seis proxectos para a dinamización social e cultural do Concello de Arzúa: Programa para o Entroido 2002 no Concello de Arzúa (Comisión Patrimonio), Proxecto da Ludoteca (Comisión de Infancia), Estudio de Investigación do Patrimonio Histórico-Artístico e Cultural de Arzúa (Comisión de Patrimonio), Programa para a implantación dun obradoiro infantil itinerante nas parroquias de Arzúa (Comisión Infantil), Programa para o aproveitamento lúdico-deportivo do Parque da Fraga do Rei (Comisión da Mocidade).
O 26 de outubro de 2001 comezaron as Xornadas dos Cogomelos. Na última semana de outubro e durante dous días recollíanse e seleccionábanse os cogomelos das parroquias arzuás, tendo a degustación o último día. De programación anual.
O 6 de novembro de 2001 comezou a Semana da Maxia e Teatro coa colaboración da Asociación de Minusválidos da Comarca de Arzúa (AMARAI), ANPA do CEIP de Arzúa, ANPA IES de Arzúa e o patrocinio da Deputación da Coruña. De programación anual.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O 27 de xullo de 2002 co Día da Colleita arrancan as Xornadas do Pan no Souto do Cal na parroquia de Maroxo. Coas Xornadas do Pan a Asociación Ánxel Casal de Arzúa recupera todo o proceso deste alimento básico, dende a súa sementeira ata a fornada das bolas, tortas ou empanadas. O 24 de agosto na Curiscada, parroquia de Burres, celébrase o Día da Malla e o 7 de setembro na mesma Curiscada finalizan as xornadas co imprescindible remate da Fornada e Muiñada. A partir do ano 2003 ata o 2008 o Día da Muiñada pasa a realizarse no Muíño da Fonte Santa grazas a inestimable colaboración de Xosé Conde, muiñeiro da Fonte Santa e propietario da malladora. A Colleita e a Malla celebrábase cada ano nunha diferente parroquia de Arzúa, as seguintes foron; Brandeso, Pantiñobre, Rendal, San Martiño de Calvos, A Mella, Santa María e Viladavil.
O 8 de xullo de 2002 celébrase a Festa do Ensino Galego en Ribadiso no recordo das Escolas de Ensino Galego (1924) promovida polas Irmandades da Fala da Coruña e dirixida por Ánxel Casal e máis Xoan Acuña, como seu substituto.
O día 1 de febreiro a Asociación Ánxel Casal faise cargo da organización do Concerto Expansivo Plataforma Nunca Máis en Arzúa. Actuaron: Banda de Arzúa, a Rondalla Moraima, Banda de Gaitas Castro Curbín, o Grupo de Gaitas de Pastor.
O 13 de febreiro de 2003 a Asociación Ánxel Casal adhírese á Plataforma Nunca Máis para loitar contra as consecuencias ecolóxicas, económicas e políticas da catástrofe do petroleiro Prestige.
O 15 novembro do 2003 promovida polo Concello de Arzúa créase a Asociación para a promoción da Festa do Queixo de Arzúa da que a Asociación Ánxel Casal é, entre outras, socia fundadora.
Do 10 ao 18 de maio do 2004 organízase a Exposición Ánxel Casal, editor, político e galeguista da Fundación Sargadelos.
O 21 de xaneiro do 2005 a Aula de Teatro Infantil da Asociación Ánxel Casal é partícipe da clausura do I Congreso da Participación e Xuventude no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela coa obra Unha clase de teatro.
O 17 de novembro de 2012 editado polas Edicións do Cumio e financiado pola Asociación Ánxel Casal publicouse o CD, Julio Vázquez Carril, o gaiteiro de San Miguel de Maroxo.
A Asociación Cultural Ánxel Casal foi reactivada en Asemblea Extraordinaria o 27 de setembro de 2019 coa elección dunha nova Xunta Directiva que está conformada polo presidente, Celso Alberte Magariños Costas, o vicepresidente, Jorge Gómez Vázquez, a tesoureira, Lidya Castro Gabete, o secretario, Denís Bermúdez Delgado, e as vogais Iria Carreira Pazos, Paula Rodríguez Parrado, Aldara Gómez Sánchez e Moisés Suárez Abel.
A súa primeira decisión foi a posta en marcha do proxecto Ánxel Casal, 125 anos con Nós. En lembranza da importancia de Ánxel Casal nos eidos cultural, social e político a Asociación Cultural Ánxel Casal quere impulsar unha serie de actividades e programas para dar a coñecer e afondar na súa figura e na da súa compañeira e esposa María Miramontes. Este proxecto pretende ser un proxecto aberto e inclusivo a todas as asociacións, fundacións e institucións sociais e culturais galegas, así como organismo públicos, universidades, deputacións e concellos que se queiran unir e que concorden na necesidade de promover o recoñecemento ao máis alto nivel do traballo que Ánxel Casal fixo por Galiza. Un proxecto que será levado en conxunto polas diferentes entidades que se sumen a el.