A Asociación Ánxel Casal e a Federación Galiza Cultura inauguran en Arzúa a exposición Ánxel Casal, 125 anos con nós

A Asociación Ánxel Casal e a Federación Galiza Cultura inauguran en Arzúa a exposición Ánxel Casal, 125 anos con nós

A Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa e a Federación Galiza Cultura presentarán o próximo venres 17 de decembro, coincidindo coa data do nacemento de Ánxel Casal, a exposición “Ánxel Casal, 125 anos con nós”. O acto inaugural, no que participará o presidente da asociación arzuá Celso Alberte Magariños e o comisario da exposición Xan Leira, terá lugar na Biblioteca Pública Rosalía de Castro de Arzúa ás 19 horas.

A exposición, que foi pensada e deseñada para ver a luz no ano 2020, mais que foi truncada pola pandemia da covid-19 repasa, cun estilo áxil, vivaz e sinxelo as etapas da vida de Ánxel Casal; a súa infancia na Coruña, a súa adolescencia na emigración, o seu apego á aldea do seu pai, o primeiro ensino en galego, o traballo cultural, literario, o político,… completan unha visión amena da extraordinaria vida dun galego exemplar do que Castelao chegou a dicir: Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.

A mostra forma parte da campaña que a Asociación Cultural Ánxel Casal está a levar a cabo para que Casal sexa homenaxeado no día das Letras Galegas e darlle o recoñecemento que se merece como a persoa impulsora do libro galego de seu. Como editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno. “Casal, traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial. Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane entre outros moitos”, afirman desde a Asociación.

A exposición estará dispoñíbel na Biblioteca Rosalía de Castro de Arzúa desde o próximo 17 de decembro até o 24 no seguinte horario:

  • De luns a venres: de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00
  • Sábados: de 10:00 a 13:00

About the author

acasal administrator