A longrametraxe documental proxectarase este sábado 28 de novembro ás 17:15 na aula 3 do edificio multiúsos de Arzúa.
O director, Alberte Mera, a actriz arzuá Lidia Veiga e o actor, tamén de orixes arzuás, Daniel Celester participarán tamén nun posterior coloquio.
Arzúa, 26 de novembro de 2020. A Asociación Cultural Ánxel Casal organiza este sábado 28 de novembro a proxección do filme documental “Reboiras. Acción e corazón” logo do éxito acadado nos diferentes cinemas do país. Terá lugar na aula 3 do Edificio Multiúsos Terra do Queixo de Arzúa.
O filme, no que participan 29 testemuñas directas que coñeceron ou partillaron militancia na Unión do Povo Galego con Moncho Reboiras, pretende achegarnos á vida de loita e compromiso de Reboiras que acabou co seu asasinato por parte da policía franquista o 12 de agosto de 1975.
Ademais da parte documental, o filme conta cunha parte ficcionada na que se reconstrúen os feitos que deron lugar ao seu asasinato. No reparto, o actor de orixes arzuás Daniel Celester encarna ao histórico militante nacionalista e outra arzuá, Lidia Veiga asume o papel de Elvira Souto, comapeñeira de militancia do propio Reboiras que se atopaba con el, xunto a Lois Ríos, os días 11 e 12 de aquel agosto de 1975.
Ao remate da proxección, o director Alberte Mera, o actor Daniel Celester e a actriz Lidia Veiga participarán nun coloquio co público.
A entrada será de balde até completar o aforo.
About the author