O 19 de agosto de 1936, Ánxel Casal, Alcalde de Santiago de Compostela polo Partido Galeguista, Vicepresidente da Deputación da Coruña, Vicepresidente da Comisión Pro-estatuto de Galiza, editor, distribuidor, xerente e impresor da Editorial Nós, fundador das Escolas do Ensino Galego ou promotor da Asociación de Escritores de Galicia, foi asasinado polo réxime fascista do dictador Franco.
Quince días despois da súa detención en Pela, Vilantime (Arzúa), a madrugada do 19 -dous días despois do seu amigo, militante galeguista e colaborador artístico Camilo Díaz- sen xuízo nin posible defensa, foi asasinado xunto a Pepiño Areosa, mecánico e militante republicano, nunha gabia na Estivada da Ribeira en Cacheiras (Teo).
O traballo incansábel de Ánxel Casal e a súa compañeira María Miramontes fixo que as letras galegas dos primeiros anos do século vinte viran a luz, e escritores como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Wenceslao Fernández, Antón e Ramón Vilar Ponte, Castelao e artistas gráficos como Luis Seoane, Maside, Eiroa, Souto, Colmeiro, Camilo Díaz… puideran publicar as súas obras.
Hoxe en día grupos políticos e sociais españois nas súas proclamas intentan dulcificar o réxime fascista do Xeneral Franco, ese réxime que truncou o progreso cultural, social e económico da Galiza deses primeiros anos do século 20 que homes e mulleres como Casal e María Miramontes axudaran a construír, polo que o recordo de persoas como Casal e Miramontes faise quizais máis necesario que nunca.
Ánxel Casal foi asasinado por ser un galego consciente da súa época, consciente do traballo que había por facer pola cultura e progreso do seu país; Galiza.
Este ano cúmprense os 125 anos do nacemento de Ánxel Casal e na súa conmemoración a Federación Galiza Cultura e a Asociación Ánxel Casal teñen programado o proxecto Ánxel Casal, 125 anos con Nós, proxecto que a pandemia do COVID 19 obrigou a adiar e variar a súa programación.
Agardamos que pronto poidamos lembrar a Ánxel Casal como se merece. Como dixo Castelao, Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.
About the author