O próximo sábado 14 de marzo ás 20:00, organizado pola Asociación Ánxel Casal, terá lugar na Capela da Madanela da vila de Arzúa a proxección do documental O canteiro de Sebil e un posterior coloquio con César Caramés e Marcos Seixo.
“O canteiro de Sebil” é un documental sobre a polifacética figura de Xoán Xesús González, o canteiro de Sebil, quen, polos seus propios esforzos, chegou a ser mestre, avogado, xornalista, escritor, político, intelectual…
Canteiro de oficio, mestre e xornalista, foi pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.
O 12 de setembro de 1936, o fascismo español, levantado en armas, asasinaba a Xoán Xesús González, canda a outros compañeiros, nas tapias do cemiterio de Boisaca.
Neste documental recupérase a memoria e difúndese a figura dun home honesto, humilde, un veciño dunha aldea galega perseguido e asasinado por combater con dignidade a barbarie do fascismo español.
O canteiro de Sebil é “unha ollada comunal” arredor de González. Un traballo producido por Quinteiro do Umia. Nel, entrevistas a historiadores e biógrafos altérnanse con reconstrucións dramáticas e a presenza de familiares de González e mesmo de quen o coñeceu en persoa.
O Leo tamén comparece cunha estremecida versión en galego de The Partisan, popularizada no seu día por Leonard Cohen.
Logo da proxección haberá unha charla-debate onde profundizaremos nas figuras de Xoán Xesús González e do sacerdote arzuán Xosé María Santos Quintela, líder campesiño que organizou un mitin na praza da vila de Arzúa aló polo ano 1933, onde tomaron a palabra Xoán Xesús González, Xosé Mª Santos Quintela e o avogado e logo famosísimo pintor Luís Seoane entre outros.
About the author