A Asociación Ánxel Casal e a Federación Galiza Cultura inauguran en Arzúa a exposición Ánxel Casal, 125 anos con nós

A Asociación Ánxel Casal e a Federación Galiza Cultura inauguran en Arzúa a exposición Ánxel Casal, 125 anos con nós

A Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa e a Federación Galiza Cultura presentarán o próximo venres 17 de decembro, coincidindo coa data do nacemento de Ánxel Casal, a exposición “Ánxel Casal, 125 anos con nós”. O acto inaugural, no que participará o presidente da asociación arzuá Celso Alberte Magariños e o comisario da exposición Xan Leira, terá lugar na Biblioteca Pública Rosalía de Castro de Arzúa ás 19 horas.

A exposición, que foi pensada e deseñada para ver a luz no ano 2020, mais que foi truncada pola pandemia da covid-19 repasa, cun estilo áxil, vivaz e sinxelo as etapas da vida de Ánxel Casal; a súa infancia na Coruña, a súa adolescencia na emigración, o seu apego á aldea do seu pai, o primeiro ensino en galego, o traballo cultural, literario, o político,… completan unha visión amena da extraordinaria vida dun galego exemplar do que Castelao chegou a dicir: Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.

A mostra forma parte da campaña que a Asociación Cultural Ánxel Casal está a levar a cabo para que Casal sexa homenaxeado no día das Letras Galegas e darlle o recoñecemento que se merece como a persoa impulsora do libro galego de seu. Como editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno. “Casal, traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial. Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane entre outros moitos”, afirman desde a Asociación.

A exposición estará dispoñíbel na Biblioteca Rosalía de Castro de Arzúa desde o próximo 17 de decembro até o 24 no seguinte horario:

  • De luns a venres: de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00
  • Sábados: de 10:00 a 13:00

O filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ chega a Arzúa da man da Asociación Cultural Ánxel Casal

A longrametraxe documental proxectarase este sábado 28 de novembro ás 17:15 na aula 3 do edificio multiúsos de Arzúa.

O director, Alberte Mera, a actriz arzuá Lidia Veiga e o actor, tamén de orixes arzuás, Daniel Celester participarán tamén nun posterior coloquio.

Arzúa, 26 de novembro de 2020. A Asociación Cultural Ánxel Casal organiza este sábado 28 de novembro a proxección do filme documental “Reboiras. Acción e corazón” logo do éxito acadado nos diferentes cinemas do país. Terá lugar na aula 3 do Edificio Multiúsos Terra do Queixo de Arzúa.

O filme, no que participan 29 testemuñas directas que coñeceron ou partillaron militancia na Unión do Povo Galego con Moncho Reboiras, pretende achegarnos á vida de loita e compromiso de Reboiras que acabou co seu asasinato por parte da policía franquista o 12 de agosto de 1975.

Ademais da parte documental, o filme conta cunha parte ficcionada na que se reconstrúen os feitos que deron lugar ao seu asasinato. No reparto, o actor de orixes arzuás Daniel Celester encarna ao histórico militante nacionalista e outra arzuá, Lidia Veiga asume o papel de Elvira Souto, comapeñeira de militancia do propio Reboiras que se atopaba con el, xunto a Lois Ríos, os días 11 e 12 de aquel agosto de 1975. 

Ao remate da proxección, o director Alberte Mera, o actor Daniel Celester e a actriz Lidia Veiga participarán nun coloquio co público.

A entrada será de balde até completar o aforo.

Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.

O 19 de agosto de 1936, Ánxel Casal, Alcalde de Santiago de Compostela polo Partido Galeguista, Vicepresidente da Deputación da Coruña, Vicepresidente da Comisión Pro-estatuto de Galiza, editor, distribuidor, xerente e impresor da Editorial Nós, fundador das Escolas do Ensino Galego ou promotor da Asociación de Escritores de Galicia, foi asasinado polo réxime fascista do dictador Franco.


Quince días despois da súa detención en Pela, Vilantime (Arzúa), a madrugada do 19 -dous días despois do seu amigo, militante galeguista e colaborador artístico Camilo Díaz- sen xuízo nin posible defensa, foi asasinado xunto a Pepiño Areosa, mecánico e militante republicano, nunha gabia na Estivada da Ribeira en Cacheiras (Teo).


O traballo incansábel de Ánxel Casal e a súa compañeira María Miramontes fixo que as letras galegas dos primeiros anos do século vinte viran a luz, e escritores como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Wenceslao Fernández, Antón e Ramón Vilar Ponte, Castelao e artistas gráficos como Luis Seoane, Maside, Eiroa, Souto, Colmeiro, Camilo Díaz… puideran publicar as súas obras.


Hoxe en día grupos políticos e sociais españois nas súas proclamas intentan dulcificar o réxime fascista do Xeneral Franco, ese réxime que truncou o progreso cultural, social e económico da Galiza deses primeiros anos do século 20 que homes e mulleres como Casal e María Miramontes axudaran a construír, polo que o recordo de persoas como Casal e Miramontes faise quizais máis necesario que nunca.


Ánxel Casal foi asasinado por ser un galego consciente da súa época, consciente do traballo que había por facer pola cultura e progreso do seu país; Galiza.


Este ano cúmprense os 125 anos do nacemento de Ánxel Casal e na súa conmemoración a Federación Galiza Cultura e a Asociación Ánxel Casal teñen programado o proxecto Ánxel Casal, 125 anos con Nós, proxecto que a pandemia do COVID 19 obrigou a adiar e variar a súa programación.
Agardamos que pronto poidamos lembrar a Ánxel Casal como se merece. Como dixo Castelao, Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós.

Proxección do documental O canteiro de Sebil

O próximo sábado 14 de marzo ás 20:00, organizado pola Asociación Ánxel Casal, terá lugar na Capela da Madanela da vila de Arzúa a proxección do documental O canteiro de Sebil e un posterior coloquio con César Caramés e Marcos Seixo.

“O canteiro de Sebil” é un documental sobre a polifacética figura de Xoán Xesús González, o canteiro de Sebil, quen, polos seus propios esforzos, chegou a ser mestre, avogado, xornalista, escritor, político, intelectual…

Canteiro de oficio, mestre e xornalista, foi pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.

O 12 de setembro de 1936, o fascismo español, levantado en armas, asasinaba a Xoán Xesús González, canda a outros compañeiros, nas tapias do cemiterio de Boisaca.
Neste documental recupérase a memoria e difúndese a figura dun home honesto, humilde, un veciño dunha aldea galega perseguido e asasinado por combater con dignidade a barbarie do fascismo español. 

O canteiro de Sebil
 é “unha ollada comunal” arredor de González. Un traballo producido por Quinteiro do Umia. Nel, entrevistas a historiadores e biógrafos altérnanse con reconstrucións dramáticas e a presenza de familiares de González e mesmo de quen o coñeceu en persoa.
O Leo tamén comparece cunha estremecida versión en galego de The Partisan, popularizada no seu día por Leonard Cohen. 

Logo da proxección haberá unha charla-debate onde profundizaremos nas figuras de Xoán Xesús González e do sacerdote arzuán Xosé María Santos Quintela, líder campesiño que organizou un mitin na praza da vila de Arzúa aló polo ano 1933, onde tomaron a palabra Xoán Xesús González, Xosé Mª Santos Quintela e o avogado e logo famosísimo pintor Luís Seoane entre outros.

A Asociación Ánxel Casal colabora coa Asociación O Galo nun roteiro pola nosa comarca

A Asociación Cultural Ánxel Casal fará de anfitrioa no Roteiro Terras de Arzúa, Melide e Toques organizado pola Asociación Cultural O Galo o vindeiro sábado 16 de novembro. O reteiro, no que tamén colabora a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) será guiado na visita ao Concello de Arzúa polo presidente de Asociación Ánxel Casal, Celso Alberte Magariños.

A visita permitirá ás asistentes coñecer a historia de diferentes puntos das comarcas como o Pazo de Brandeso, a Fonte Santa e o seu muíño.

Este será o programa completo:

PROGRAMA:
09:00h: Xuntanza dos coches na rúa Valle Inclán de Santiago, a carón do Museo de Arte Contemporánea; desde este lugar sairán cara Arzúa todos os coches xuntos. As persoas que vaian directamente a Arzúa e, por tanto, sen acudir ao punto de encontro da rúa Valle Inclán, deberán seguir as indicacións do punto 2.

09:50h: Visita guiada á Fonte Santa da capela do mesmo nome situada uns 4 km antes do pazo de Brandeso. Celso Magarinhos explicaranos as lendas que existen sobre esta fonte milagreira e persoas de ADEGA falarannos da carballeira. A continuación visitaremos un muíño de maquía e o seu muiñeiro, Xosé Conde, faranos unha demostración da moenda.

11:15h: Visita guiada polo profesor da USC, doutor Juan Varela Durán, ao pazo de Brandeso (nel desenvólvese a novela Sonata de Otoño, de Ramón del Valle-Inclán). Persoas de ADEGA falarannos das plantas e das árbores do seus xardíns e da finca lindeira. NO PAZO DE BRANDESO NON ESTÁ PERMITIDO FACER FOTOGRAFÍAS

13h: Visita guiada a Stª María de Melide. Explicacións a cargo de Xosé Antonio Vicente, coidador desta igrexa románica que conserva pinturas da época medieval.

14:15: Xantar (optativo) en Raxería Ramos, Avda. de Lugo, nº 44. Melide, teléfono 981-507667.

15:30h: Saída nos coches desde a Raxería Ramos para a fervenza de Toques

16:30h: Baixada a pé dos 3 km que levan ata a fervenza. Persoas de ADEGA explicarannos a flora e vexetación do treito polo cal camiñaremos.

17:30h: Desprazarémonos nos coches desde a fervenza ata S. Antoniño (6 km) 18h: Visita guiada á igrexiña altomedieval de S. Antoniño de Toques. As explicacións deste monumento correrán a cargo dun/ha integrante da AC. O Galo e as do seu contorno natural a cargo de membros de ADEGA. Ao rematar regrésase a Santiago de Compostela.

Renace en Arzúa a Asociación Ánxel Casal propoñendo as Letras Galegas 2021 para o fundador da Editorial Nós

A Asociación Cultural Ánxel Casal, reunida o pasado venres, 27 de setembro na Capela da Madanela de Arzúa, acordou consolidar a refundación deste colectivo. Nesta xuntanza aberta, as e os presentes acordaron relanzar as súas actividades sociais e culturais e darlle un novo pulo á asociación coa perspectiva posta no 125 aniversario do nacemento Casal no vindeiro ano 2020.

A nova xunta directiva estará conformada por:

  • Presidente: Celso Alberte Magariños Costas
  • Vicepresidente: Jorge Gómez Vázquez
  • Tesoureira: Lidya Castro Gabete
  • Secretario: Denís Bermúdez Delgado
  • Vogais: Iria Carreira Pazos, Paula Rodríguez Parrado, Aldara Gómez Sánchez e Moisés Suárez Abel

Letras Galegas 2021 para Ánxel Casal

Entre as cuestións tratadas, a asemblea da Asociación Ánxel Casal acordou levar adiante a realización da proposta de adicarlle as Letras Galegas 2021 a Ánxel Casal, sendo que no 2020 se cumpre o 125 aniversario do seu nacemento. Así, a Asociación porá en marcha unha intensa campaña baixo o lema Ánxel Casal, 125 anos con nós. Unha campaña que pretende ser o motor dun traballo inclusivo para incorporar o maior número posíbel de entidades sociais e culturais do país para a difusión e promoción da figura de Ánxel Casal por toda Galiza, coa fin de acadar o recoñecemento á súa figura para as Letras Galegas 2021.

Tal e como explicou o novo Presidente da Asociación, Celso Alberte Magariños, “Casal conseguiu animar e aglutinar a todos os artistas galegos da época nun proxecto común, a Editorial Nós. Sen unha figura como a de Casal, que editou centos de obras de autores galegos da época, non se entendería a literatura galega moderna” explicou.