Renace en Arzúa a Asociación Ánxel Casal propoñendo as Letras Galegas 2021 para o fundador da Editorial Nós

Renace en Arzúa a Asociación Ánxel Casal propoñendo as Letras Galegas 2021 para o fundador da Editorial Nós

A Asociación Cultural Ánxel Casal, reunida o pasado venres, 27 de setembro na Capela da Madanela de Arzúa, acordou consolidar a refundación deste colectivo. Nesta xuntanza aberta, as e os presentes acordaron relanzar as súas actividades sociais e culturais e darlle un novo pulo á asociación coa perspectiva posta no 125 aniversario do nacemento Casal no vindeiro ano 2020.

A nova xunta directiva estará conformada por:

  • Presidente: Celso Alberte Magariños Costas
  • Vicepresidente: Jorge Gómez Vázquez
  • Tesoureira: Lidya Castro Gabete
  • Secretario: Denís Bermúdez Delgado
  • Vogais: Iria Carreira Pazos, Paula Rodríguez Parrado, Aldara Gómez Sánchez e Moisés Suárez Abel

Letras Galegas 2021 para Ánxel Casal

Entre as cuestións tratadas, a asemblea da Asociación Ánxel Casal acordou levar adiante a realización da proposta de adicarlle as Letras Galegas 2021 a Ánxel Casal, sendo que no 2020 se cumpre o 125 aniversario do seu nacemento. Así, a Asociación porá en marcha unha intensa campaña baixo o lema Ánxel Casal, 125 anos con nós. Unha campaña que pretende ser o motor dun traballo inclusivo para incorporar o maior número posíbel de entidades sociais e culturais do país para a difusión e promoción da figura de Ánxel Casal por toda Galiza, coa fin de acadar o recoñecemento á súa figura para as Letras Galegas 2021.

Tal e como explicou o novo Presidente da Asociación, Celso Alberte Magariños, “Casal conseguiu animar e aglutinar a todos os artistas galegos da época nun proxecto común, a Editorial Nós. Sen unha figura como a de Casal, que editou centos de obras de autores galegos da época, non se entendería a literatura galega moderna” explicou.

About the author

acasal administrator